Loading...
Inicio / o LABORATORIO / O algodón pólvora

O algodón pólvora 2

 

No conto de fadas “Os tres príncipes de Serendip” os seus protagonistas sempre estaban a facer descubrimentos por casualidade. Isto é algo que ten acontecido moitas veces na historia da ciencia. Coñécense como achados serendípicos aqueles que acontecen cando se xunta a sorte e o imprevisible cun observador espelido.

Estas dúas circunstancias se deron en 1856 cando Christian Schönbein verteu accidentalmente na súa cociña unha botella de ácido nítrico. Para apañar a desfeita botou man dun mandil de algodón da súa muller que puxo a secar cociña de leña. De súpeto o mandil ardeu nun chiscar de ollos. A mente atenta de Schönbein comprendeu que tiña ante el un procedemento para fabricar un novidoso explosivo: o algodón pólvora.

A manufactura a escala do algodón pólvora levou por diante ducias de vidas ata que se deu cun sistema que evitaba a ignición espontánea. O interesante deste material é que produce unha deflagración sen cinzas nin fume, algo moi útil para, por exemplo, non delatar a posición desde a que se dispara un canón.

No laboratorio de “Éche así” fabricamos o noso propio algodón pólvora, tamén coñecido como nitrocelulosa. O algodón é nun 94% celulosa, que non ven sendo outra cousa que azucre polimerizado. Empregando unha mestura de ácido nítrico e ácido sulfúrico (que actúa como catalizador) conseguimos introducir grupos nitro (NO2) na estrutura da celulosa.

artigo 01

Esta preparación débese realizar extremando as precaucións nun laboratorio equipado con vitrina extractora de gases, nunca nunha casa. Se non se realiza axeitadamente o proceso, a nitrocelulosa pode autoinflamarse de xeito espontáneo co paso do tempo.

Ao quentar ou poñer en contacto co fogo o algodón pólvora arde limpamente sen deixar rastro. Todos os produtos da deflagración son gases, de aí que a nitrocelulosa se teña empregado en voaduras, como propelente de foguetes ou como compoñente da pólvora moderna das armas de fogo.

artigo 02

Unha vez que o algodón pólvora comeza a arder non é posible apagalo xa que se xera osíxeno que autosostén a reacción. Mesmo é quen de arder na auga. De aí o seu uso en minas e torpedos.

En Estados Unidos na segunda metade do século XIX as caixas de emerxencia incluían unha solución de nitrocelulosa en alcol e éter chamada colodión. E por segunda vez atopámonos de novo coa serendipia. O impresor John Wesley Hyatt andaba na pescuda dun alternativa ao marfil para a fabricación de bolas de billar. Estaba en xogo unha fabulosa recompensa. Accidentalmente cortouse nun dedo, é o abrir a caixa de emerxencias atopouse que o colidión se derramara formando unha película con propiedades interesantes. Logo de facer varias tentativas atopou que mesturando o colidión con alcanfor obtiña un material óptimo para fabricar as bolas de billar: o celuloide.

O bolas de billar de celuloide tiñan un problema, de cando en cando estouraban. E algo semellante pasaba coas películas de celuloide, eran facilmente inflamables. Na actualidade non temos eses problemas. Curiosamente as pelotas de ping-pong seguen a ser de celuloide, afortunadamente xa non explotan, pero son moi inflamables.

Un uso recreativo do algodón pólvora é en espectáculos de maxia en forma do chamado papel flash. Un papel tamén moi útil para os espías de toda a vida. Esta mensaxe autodestruírase en 3, 2, 1!

Para saber máis:

“Serendipia: Descubrimientos accidentales de la ciencia” de Royston M. Roberts (Alianza Editorial)

 

MANUEL VICENTE

Share