Loading...
Inicio / GALICIA inNOVA / Ver a temperatura

Ver a temperatura 2

 

Todos os corpos por encima do cero absoluto (-273ºC) emiten radiación infravermella. Esta radiación é invisible ao ollo humano, que soamente é capaz de xestionar radiacións con lonxitudes de onda entre 400 e 750 nanómetros (1 nm é 1.000.000 de veces máis pequeno que 1 mm). A lonxitude de onda dos infravermellos sitúase entre 750 e 100.000 nanómetros. Dentro desta marxe, as cámaras térmicas traballan nun rango chamado infravermello térmico, con compoñente calorífico, entre 8000 e 14000 nanómetros, que equivale a temperaturas entre -20 e 350 ºC.

Utilizan un sensor que capta ondas dunha lonxitude concreta. Só un tipo de onda. As diferenzas na temperatura non están relacionadas coa lonxitude, senón coa intensidade da onda. O sensor capta as distintas intensidades de ondas dunha mesma lonxitude, procesa a imaxe, e asigna cores en función da temperatura, xerando o resultado final.

Como moitos avances tecnolóxicos, a camara térmica inventouse con propósitos militares. Hoxe en día, ademais das militares, ten aplicacións médicas, ecolóxicas, arquitectónicas e industriais de todo tipo.

Necesitamos cámaras como estas para detectar o infravermello. Nós e calquera animal na Terra. Hai moitos capaces de ver a partir de radiación de lonxitude de onda inferior a 400 nm (que chamamos ultravioleta), pero non hai nin un que poida ver cando recibe radiación infravermella. Recentes estudos apuntan a que, dado que a radiación infravermella ten unha compoñente calorífica, os pigmentos da retina que fosen sensibles a esta radiación poderían verse afectados por fontes de calor, equivocándose e xerando sensacións visuais non desexadas. Se algunha vez existiron, a evolución fíxoos desaparecer.

A serpe é o único animal que experimenta estímulos visuais a partir da recepción de radiación infravermella. Non “ve” en sentido estrito, porque non usa os ollos para captar o estímulo, senón que o fai grazas á presenza de receptores sensoriais situados ao longo das mandíbulas. Estes producen sinais térmicos que viaxan á rexión óptica do cerebro, onde se unen aos sinais visuais. Desta forma, o animal recibe unha imaxe moi mellorada.

Esta capacidade é especialmente eficiente pola noite, (xusto cando se necesita), ao haber maior contraste entre a temperatura da fonte de calor e a contorna.


 

Referencias:

Por que non vemos o infravermello:

Solomon H. Snyder Department of Neuroscience, Johns Hopkins University School of Medicine, Baltimore, MD 21205, USA.

Department of Ophthalmology, Johns Hopkins University School of Medicine, Baltimore, MD 21205, USA.

Center for Sensory Biology, Johns Hopkins University School of Medicine, Baltimore, MD 21205, USA.

Biochemistry, Cellular and Molecular Biology Graduate Program, Johns Hopkins University School of Medicine, Baltimore, MD 21205, USA.

Howard Hughes Medical Institute and Department of Physiology and Biophysics, University of Washington, Seattle, WA 98195, USA.

Department of Biological and Environmental Sciences, University of Helsinki, Helsinki FI-00014, Finland.

Detección de infravermello polas serpes:

Gracheva, E. O. et al. Nature advance online publication doi:10.1038/nature08943 (2010).

Bullock, T. H. & Diecke, F. P. J. Physiol. 134, 47-87 (1956).

 

DAVID RODRÍGUEZ

Share