Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Aceite do bo

Aceite do bo 4

 

Un experimento instantáneo que podemos facer na casa é identificar un aceite de oliva virxe extra empregando tan so un punteiro láser verde. Un consello para observar mellor o fenómeno é levalo a cabo en escuridade.

A foto amosa o paso dun láser verde por dous bos aceites. O raio de cor vermella alaranxada corresponde ao un aceite oliva virxe extra, o outro a un aceite de oliva virxe. No aceite de oliva existen unha serie de substancias fluorescentes como a vitamina E e diversas clorofilas que emiten luz visible ao seren excitadas polo láser. Así e todo, cómpre ter en conta que os aceites se oxidan en contacto co aire e coa luz formando peróxidos. Nos aceites envellecidos ou que non teñen o grao máximo de calidade estas substancias desactivan a fluorescencia avermellada.

artigo_01_aceite

Se en vez de medir a ollo a intensidade da fluorescencia vermella o facemos con técnicas de laboratorio podemos dispor dun método de análise dos aceites de oliva. Isto é o que se propón nunha tese de doutoramento da Universidade Rovira i Virgili.

Entre un punteiro láser vermello e outro verde de igual potencia vemos ata 30 veces máis intenso o segundo co primeiro. Isto é así porque temos a nosa retina é moito máis sensible a esta cor. Polo tanto, á hora de manipular un láser verde débese ter especial atención ao reflexos, e nunca superar os 5 mW de potencia.

Fontes:

“Fun with fluorescence in olive oil,” Phys. Teach. 50: 377-378, 2012.

 

MANUEL VICENTE

Share