Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Eclipse de sol

Eclipse de sol 2

 

As eclipses de sol son fenómenos tan pouco comúns que existen persoas que viaxan por todo o mundo para poder contemplalas. Un destes cazadores de eclipses é o astrónomo coruñés Óscar Blanco. O 20 de marzo de 2015 Óscar anotou, desde as Illas Feroe, unha nova marca na culata do seu revolver de eclipses totais. Simultaneamente en Galicia, o equipo de “Éche así” saboreamos a eclipse parcial ao pé da Casa das Ciencias na Coruña.

Xa os astrónomos caldeos coñecían os padróns cíclicos das eclipses. Coñecer con antelación a zona de sombra da eclipse permitiu planificar expedicións científicas. Por exemplo, deste xeito se observouse por primeira vez a coroa solar. Pero quizais a observación mais famosa dunha eclipse total de toda a historia da ciencia sexa a que fixo Lord Arthur Eddington en 1919. Nunha expedición á Illa de Príncipe na costa oeste africana o astrónomo inglés mediu a posición de certas estrelas que de día non se podían ver debido a súa proximidade ao sol na esfera celeste. Comparando as posicións relativas destas estrelas na eclipse coas que amosan na noite conseguiuse obter a primeira demostración da relatividade xeral. A masa do sol era quen de curvar a luz na magnitude prevista por Einstein.

Curiosamente as medidas de Eddigton tiñan grandes fontes de erro motivadas polas carencias técnicas da época, e tiveron que ser os datos dunha expedición paralela ao norte de Brasil os que finalmente se tiveron en conta.

Para observar unha eclipse os cidadáns sempre debemos empregar métodos indirectos. Un dos mais efectivos son as cámaras escuras caseiras, nos que se proxecta por un burato do tamaño dun alfinete a imaxe invertida do sol sobre calquera superficie. Malia todos os esforzos de comunicación das institucións implicadas, na observación desde o parque de Santa Margarita en A Coruña vimos xente con vidros de soldador e mesmo con radiografías. Unha práctica que entraña risco para a saúde dos nosos ollos.

Nesta eclipse quixemos facer un experimento mais modesto co de Eddigton: medir a baixada térmica causada pola ocultación do sol. O vento dificultounos a nosa tarefa, afortunadamente este é un traballo rutineiro para Meteogalicia.

Xa estamos agardando ao 12 de agosto de 2026 cando teremos unha eclipse total en Galicia, a última foi en 1912. Oxalá non chova!

 

MANUEL VICENTE

Share