Loading...
Inicio / o LABORATORIO / A tónica e a luz UV

A tónica e a luz UV 2

 

EXPERIMENTOS NON TAN ABSURDOS COMO PARECEN.

Realmente sería interesante saber quen foi a primeira persoa á que se lle ocorreu iluminar unha tónica con luz UV. Estou case convencido de que foi un científico que actuou simplemente movido pola curiosidade. Ás veces perdemos de vista que a ciencia é iso. Ser curiosos.

A sorpresa tivo que ser importante ao ver que de súpeto a tónica brillaba nunhas cores azulados dunha forma sorprendente. Pero se isto é rechamante, aínda máis interesante é a explicación deste fenómeno.

Cando pedimos nun bar unha tónica, sabemos que o que estamos a tomar era orixinalmente un refresco -medicamento? Preparábase mesturando auga carbonatada con quinina. A finalidade era tomar unha bebida que servise como tratamento preventivo da malaria. A quinina é o que lle dá ese sabor amargo característico, e dende antigo coñecense as súas propiedades medicinais.

E esta molécula é a responsable da fotoluminscencia que se produce. A quinina absorbe enerxía da luz ultravioleta que recibe. Isto provoca a excitación dos seus electróns, que ao ter maiores niveis de enerxía deben reemitirla de novo para volver ao seu estado normal. E é esa reemisión o que vemos con cores azulados realmente espectaculares.

Como curiosidade, crese que a orixe do gin tonic foi suavizar ese amargo (a tónica actual leva moita menos quinina que a orixinaria) cunhas pingas -ou algo máis- de xenebra. A verdade é que como escusa non está nada nada mal.

Aínda que creo que a día de hoxe o risco de malaria nos nosos bares non é excesivo. Así que non usedes como escusa para o gin tonic ver un mosquito roldando a mesa.

 

DAVID BALLESTEROS

Share