Loading...
Inicio / IMOS á ESCOLA / Espectro de cores

Espectro de cores 2

 

Desde que a Evolución empezou a formar estruturas nos animais que permitían reaccionar á luz, empezou a facerse necesario ter a capacidade de distinguir uns individuos doutros, uns alimentos doutros, un entorno doutro…

Calquera corpo reflicte radiacións de distintas lonxitudes de onda cando recibe luz. E os sistemas nerviosos dos animais empezaron a desenvolver a capacidade de distinguir esas radiacións, diferenciando uns corpos doutros, non só pola forma, senón pola súa estrutura molecular. Foron capaces de recoñecer parte desas radiacións por diferenzas na lonxitude de onda.

E empezaron a distinguilas grazas a unha sensación distinta para cada lonxitude. Cando evolucionamos o suficiente como para dar nomes ás cousas, chamamos a esas sensacións cores. Si, son sensacións abstractas que só existen no cerebro dos animais e absolutamente fundamentais para a supervivencia, porque proporciona unha información do entorno moito máis completa que a que dan as figuras dos corpos.

Artigo_Ultravioleta

O ollo humano reacciona a radiacións con lonxitudes de onda de 400 a 750 nm, aproximadamente. Este rango coñécese como espectro visible. O ollo é incriblemente preciso e distingue ondas con diferenzas de lonxitude duns poucos nanómetros, pero non fai nada se recibe radiacións que están fóra deste rango. Se son de lonxitude de onda máis curta chamámoslles ultravioleta, e se son máis longas, infravermello. Todas elas invisibles, claro.

Evolucionando, imos adquirindo todas as capacidades necesarias para sobrevivir, pero non temos as que non o son. Só reaccionamos a unha pequeñísima parte das radiacións que recibe o ollo, pero está moi claro que non necesitamos máis.

 

DAVID RODRÍGUEZ

Share