Loading...
Inicio / GALICIA inNOVA / Láser, a navalla Suíza da luz

Láser, a navalla Suíza da luz 3

 

Todos soñamos algunha con ter unha espada láser como a da Guerra das Galaxias. A mala nova é que as espadas láser non existen, a boa é que a luz láser vale para case todo o demais. Cos láseres podemos medir, cortar, gardar e transmitir información, operar, analizar a materia, crear hologramas ou atrapar partículas (sí, o raio tractor existe … pero só con obxectos ben pequenos). Nos anos 80 Reagan quixo empregar láseres como escudo antimísiles, daquela non era posible pero hoxe xa hai láseres militares que derriban drones e pequenos proxectís.

Artigo_01_laser

Hai un século Einstein postulou o principio físico dos láseres. Logo de 4 décadas e media de esforzo os científicos construíron o primeiro prototipo. Agora podemos comprar punteiros por 2 € nun bazar chino. Un dos experimentos que podemos facer doadamente na casa é recrear unha fonte de luz láser. Cun pouco de pericia podemos conseguir guiar o raio láser polo interior dun chorro de auga. Coa luz apagada os resultados son espectaculares.

Artigo_02_laser

Esta experiencia ocorre pola reflexión interna total da luz, e grazas a ela temos hoxe en día conexións de internet de alta velocidade mediante fibra óptica.

Os punteiros láser témolos que empregar con precaución e saber o que temos nas mans. Debemos evitar apuntar directamente e indirectamente – ollo cos reflexos – aos ollos. Temos que ter en conta que, por exemplo, un punteiro láser verde de 5mw pode chegar a ser molesto a mais de 3 km de distancia, e a menos de 100 metros ocasiona cegueira momentánea.

É moi importante fixarse na etiqueta dos punteiros no lugar onde se indica a súa potencia. Os láseres ata 1 mW son seguros de usar. Os láseres de entre 1-5 mW deben ser utilizados con precaución é nunca en contornos de aparatos ópticos. En ningún caso debemos utilizar punteiros láser de máis de 5 mW de potencia. Cunha navalla suíza podemos facer moitas cousas, pero con coidado de non mancarnos nin a nós nin a outras persoas. Cos punteiros láser, pasa o mesmo.

Para saber máis:

Eis os láseres Eduardo García Parada, Pío M. González Fernández, Ed. Laivento.

“El láser verde en astronomía” Salvador Bará, Alejandro Suárez, AstronomiA, Núm. 114 Decembro 2008 (76-83)

 

MANUEL VICENTE

Share