Loading...
Inicio / IMOS á ESCOLA / Ver con infravermellos

Ver con infravermellos 2

 

Non podemos ver a radiación infravermella. O ollo humano recibe radiacións con lonxitudes de onda de todo tipo, pero é cego ás máis longas que 750 nm. A esas chamámoslles infravermello. A inmensa maioría das fontes de luz ás que estamos expostos emiten radiación infravermella (de feito, o sol emite moita máis infravermella que visible).

Non podemos vela, salvo que utilicemos cámaras sensibles a esa radiación. Estas cámaras dispoñen dun filtro que só deixa pasar radiación que rolda os 800 nm de lonxitude de onda, que é a que capta o sensor, compoñendo a imaxe. Así que, se vemos o que ve a cámara, vemos o mundo iluminado por radiación infravermella.

Un mundo que tería unha pinta completamente distinta, porque os corpos absorben ou reflicten a luz infravermella de forma completamente distinta á visible. Por iso hai corpos que aínda que para o ollo humano son negros (absorben toda a radiación visible), cun ollo que vise infravermello ven brancos (se reflicten toda a radiación infravermella) ou transparentes (se a deixan pasar). Este último caso é o da coca cola.

Baseándonos nisto, se podemos construír unha pantalla cun filtro que absorba toda a radiación visible pero deixe pasar a infravermella, será opaca aos nosos ollos, pero transparente a unha cámara sensible o infravermello. Se conectamos esa cámara a un computador, poderemos ver nel o que hai detrás da pantalla, que para a cámara será transparente.

 

DAVID RODRÍGUEZ

Share