Loading...
Inicio / o LABORATORIO / As ondas cerebrais

As ondas cerebrais 2

 

O fundamento de todos os nosos pensamentos, emocións e condutas atópase na comunicación entre neuronas. Comunicándose en masa, millóns delas producen impulsos eléctricos sincronizados que xeran emisión de ondas.

Estas ondas, presentes en todo cerebro vivo (de feito, biolóxica, médica e legalmente, a ausencia destas ondas define a morte) son de lonxitudes (e, por tanto, frecuencias) distintas dependendo da actividade cerebral que as produce.

De menor a maior frecuencia:

  • Delta (1-3 Hz). Son típicas do sono profundo, en ausencia de ensoñación.
  • Theta (3-8 Hz). A súa emisión ocorre durante o sono lixeiro, a fase REM e cando se alcanza, estando espertos, un estado de desconexión sensorial profunda. É a chamada meditación.
  • Alpha (8-12 Hz). Son emitidas masivamente en estados de relaxación consciente, especialmente se os ollos están pechados. Durante este estado, o cerebro descansa.
  • Beta (12-35 Hz). Aparecen basicamente cando se está alerta, cun nivel considerable de atención.
  • Gamma (35-100 Hz). Non se coñeceron ata a aparición dos electroencefalogramas dixitais, e parece ser que modulan a consciencia e a percepción, porque desaparecen coa anestesia.

Desde que foron captadas por primeira vez a través dun electroencefalógrafo rudimentario a principios do século vinte, a tecnoloxía relacionada coa captación de ondas cerebrais evolucionou tanto, que xa hai sensores e programas moi alcanzables cos que se pode analizar a actividade cerebral e mesmo xogar.

 

DAVID RODRÍGUEZ

Share