Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Cegueira de elección I: Caras

Cegueira de elección I: Caras 4

 

Cando o noso cerebro ten que escoller entre ideas contrapostas que entran en conflito estamos ante unha disonancia cognitiva. Ao tomar unha decisión nestas circunstancias tendemos a xustificar a nosa elección aínda que a nosa opción sexa ilóxica, incongruente ou realmente mala. Todos coñecemos casos propios e alleos de “defendella e non enmedala”.

Interpretamos de forma diferente os datos cando van en contra das nosas crenzas que cando van a favor. Un experimento realizado en 1979 amosaba isto moi claramente. Os investigadores pedíanlle a un conxunto persoas favorables e detractoras da pena de morte en USA que analizaran unhas estatísticas. Os subgrupos que recibían datos conforme a súa crenza os aceptaban acriticamente, mentres que aqueles subgrupos que recibían datos reais contrarios á súa opinión criticaban a súa validez e importancia.

Por outro lado, tendemos a recordar os datos que confirman as nosas crenzas e esquecer os que as refutan. Por exemplo, se pensamos que as mulleres son malas condutoras, cando vexamos unha infracción de tráfico intentaremos ver quen é o condutor, cando sexa muller diremos: “muller ten que ser”. Pero cando un home faga algo mal non diremos nada, e tampouco comprobaremos se quen fai as manobras correctas é muller.

En 2005 un orixinal experimento realizado polos nuerosicólogos suecos Peter Johansson e Lars Hall achegou unha nova perspectiva a como nos autoenganamos cando tomamos unha decisión. A experiencia é moi simple, os voluntarios so teñen que escoller entre dúas fotos cal é a cara mais atractiva e logo xustificar a elección.

artigo_caras_01

Pero a cousa tiña trampa, as caras escollidas eran moi semellantes entre si. E ademais, unha de cada 5 veces se lles daba o cambiazo despois da elección e xusto antes da explicación. Sorprendentemente a maioría dos suxeitos non detectaban o intercambio de caras e xustificaban sen problemas a súa “non” elección.

artigo_caras_02

Johansson e Hall, que gravaron os experimentos para a BBC, chamaron a este efecto “cegueira de elección” e os publicaron na revista Science.

En “Éche así” reproducimos a experiencia empregando a mesma fonte de fotografías do experimento orixinal. E ata nós quedamos sorprendidos dos resultados cos nosos voluntarios da Escola de Formación do Profesorado da UDC:

Na análise dos investigadores so un 13% dos participantes detectaron o cambiazo. A capacidade de detección non aumentaba con parellas de caras pouco semellantes, pero si lixeiramente, ata o 27%, cando se lle daba tempo ilimitado aos voluntarios para decidir.

Este experimento amosa moi claramente que todos sen decatarnos “construímos” as xustificacións para as nosas eleccións. Pero non se vaian aínda, que os nosos neurosicólogos suecos mesmo inventaron outra travesura cognitiva.

 

Fontes e para saber mais:

Mala Ciencia, Ben Goldacre, Ed. Planeta (2012)

Los engaños de la mente, S. Martínez Conde e Sthepen Macknik, Ed. Destino (2013).

Artigo de Luís Martinez Otero e Manuel Molano

Petter Johansson, Lars Hall et all. “Failure to Detect Mismatches Between Intention and Outcome in a Simple Decision Task” Science (2005) Vol. 310 no. 5745 pp. 116-119. [Orixinal aquí]

 

MANUEL VICENTE

Share