Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Cegueira de elección II: Sabores

Cegueira de elección II: Sabores 3

 

No supermercado tomamos de cote ducias de decisións de compra. Pero pódense hackear estas eleccións sen que nos decatemos?

En 2010, cinco anos despois do famoso experimento das caras que reproducimos en “Eche así”, os neurosicólogos suecos Lars e Johansson volveron á carga con outra das súas travesuras cognitivas. Desta volta tratábase de comprobar se a cegueira de elección tamén funciona cos sentidos do gusto e do olfacto.

Para levar a cabo a experiencia montaron a tapadeira ideal: un posto de degustación de marmeladas e tés nun supermercado local. Cando puxemos en marcha a réplica de “Éche Así” atopámonos cunha pequena dificultade, os sabores escollidos polos suecos (grosella negra, xenxibre, lima,… ) non son habituais en Galicia. Isto obrigounos a realizar unha serie de catas preliminares con público para determinar parellas de marmeladas de aspecto semellante que tivesen un sabor o suficientemente diferenciado para funcionar ben.

O proceso é o seguinte. Ao voluntario se lle ofrece probar dúas marmeladas das que ten que escoller cal lle gusta mais. Seguidamente ten que poñerlle nota a súa marmelada favorita e xustificar a súa elección. Para que o voluntario poida afinar a súa nota se lle invita a probar por segunda vez a marmelada seleccionada.

artigo_sabor_01

Unha vez feita esta primeira experiencia repítese con un novo par de marmeladas. Os botes das marmeladas están trucados e posúen dous compartimentos diferentes. Na segunda cata, cando ao voluntario se lle pide que afine a puntuación da súa marmelada favorita se lle da o cambiazo pola que non escolleu.

No experimento orixinal so un de cada tres participantes decatouse do cambiazo. O resto valorou e xustificou a marmelada que lle gustaba menos pensando que era a que escollera inicialmente.

Segundo estes investigadores a “cegueira de elección” funciona por que temos a “ilusión de introspección”, coidamos que controlamos os nosos procesos mentais de elección cando en realidade non é así. Ao escoller poñemos o carro antes dos bois, en vez de razoar e logo escoller, primeiro escollemos e logo construímos os argumentos para xustificar a nosa escolla. Non está mal telo en conta a vindeira ocasión que fagamos unha compra importante.

Fontes:

Artigo de Luís Martinez Otero e Manuel Molano

Petter Johansson, Lars Hall et all.Magic at the marketplace: Choice Blindness for the tast of jam and the smell of teaCognition 117 (2010) 54-61.

 

MANUEL VICENTE

Share