Loading...
Inicio / o LABORATORIO / A man de goma

A man de goma 4

 

Todos sabemos onde temos as nosas mans e as sabemos diferenciar dos outros. Pero esta sensación de pertenza dunha parte do noso corpo pódese manipular cun divertido experimento caseiro coñecido como o da “man de goma.”

Para levalo acabo so se precisa dous pinceis, unha man de plástico e algo que exerza de pantalla. Na experiencia que fixemos en “Éche así” vese como somos quen de transferir a sensación de pertenza da man real de Saamira a unha man falsa.

Investigadores do Instituto Karolinska de Suecia (si, do instituto que dá o premio Nobel de medicina) decidiron estudar con detalle o que acontece no noso encéfalo cando se executa este experimento. Para isto someteron a un escáner de resonancia magnética funcional de imaxe (fMRI) a 18 voluntarios ao tempo que se lle facía a experiencia da “man de goma”.

O que atoparon é que a sensación de pertenza dun membro do corpo é a integración da información visual, táctil e de propiocepción que realiza noso encéfalo. A propiocepción é o sentido que nos permite identificar a posición do noso corpo sen necesidade de velo. Grazas a ela podemos, por exemplo, tocar a punta do noso nariz cos ollos pechados. Na experiencia da “man de goma” estas tres informacións están desaxustadas. Para logra unha coherencia sensorial o encéfalo dálle prioridade ao input visual e recalibra a propiocepción sobre a man de plástico. E deste xeito constrúe unha nova sensación de auto-pertenza na cortiza premotora.

Artigo_01_man de goma

Infografía: Taina Litwak (fonte Science)

A experiencia da man de goma é moi divertida para facer en familia ou entre amigos. Do estudo de Ehrsson e colaboradores publicado en Science en 2004 podemos sacar un par de claves para ter éxito nas veladas. A man sintética debe estar nunha posición natural con respecto ao corpo do voluntario, e as pinceladas deben ser perfectamente simétricas e sincronizadas entre as dúas mans. Tamén cómpre ter en conta que non todas as persoas experimentan este efecto coa mesma intensidade.

Estas investigacións axudan a comprender o que acontece coas persoas que utilizan unha prótese por teren un membro amputado. Curiosamente o efecto de transferir o noso corpo a outros obxectos tamén se observa en certa medida en xogadores de videoxogos ou operarios de escavadoras con brazo telescópico. E eu me pregunto, non será isto o que me pasa cando intento aparcar o meu coche entre as columnas do garaxe?

 

Fonte:

H. Ehrsson et all. “That’s My Hand! Activity in Premotor Cortex Reflects Feeling of Ownership of a Limb”, Science (2004), 305, 875-877

 

MANUEL VICENTE

Share