Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Así se controla o tráfico

Así se controla o tráfico 2

 

Existe toda unha serie de sistemas invisibles nas cidades que fan que o tráfico rodado funcione. Normalmente captamos os seus efectos vendo semáforos ou paneis informativos. Son os sistemas informáticos de control de tráfico, algo que moitas cidades empregan desde hai décadas en canto alcanzan un tamaño respectable.

Estes sistemas adoitan estar instalados nun centro de control, que integra toda a información procedente das arterias da cidade. Alí, 24 horas ao día, operadores e equipos informáticos procesan toda esa información, podendo cambiar a programación dos semáforos, desviar rúas ou enviar axentes, ambulancias ou equipos de mantemento aos lugares conflitivos ou nos que houbo algún tipo de incidencia.

Pero non todo o control está en mans destes sistemas. Nalgúns casos, os peóns poden modificar lixeiramente a circulación nunha cidade, abrindo e pechando semáforos cun pulsador.

Este sistema existe hai moitos anos, e aínda que o normal é que estean en funcionamento, hai grandes cidades nas que o tráfico creceu de tal forma que a participación dos peóns na regulación do tráfico xeraría un caos descomunal, e por iso moitos están desconectados. Pero non sempre os retiran.

Nos anos setenta, fíxose na facultade de Psicoloxía de Harvard un estudo no que se valoraba a tendencia das persoas a sobreestimar a capacidade para controlar situacións e os efectos que causaba. A esta tendencia chamóuselle “ilusión de control”, e parece ser que aparece en situacións de tensión, reducíndoa. Cando se preguntou ás autoridades de Nova York se deixaban que os peóns seguisen usando botóns que non funcionaban para reducir a tensión do tráfico, a contestación foi esmagadora: Seguramente non calma a ninguén, pero retiralos custaría unha millonada.

O caso é que alí, o tráfico só o controlan as máquinas.

Fonte:

Ilusión de control:

Langer, Ellen J.
Journal of Personality and Social Psychology, Vol 32(2), Aug 1975, 311-328.

 

DAVID RODRÍGUEZ

Share