Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Cambiazo co mapa

Cambiazo co mapa 3

 

CEGUEIRA AO CAMBIO

Os nosos ollos teñen unha resolución semellante á cámara dun móbil. Pero en realidade so vemos nitidamente a través dunha parte da retina tan pequena como a punta dun alfinete. O resto do campo visual percibímolo borroso. Para comprobalo so temos que estender un brazo diante de nós co polgar cara arriba e ollar para a unlla fixamente. O ángulo de visión da fóvea permítenos ver á unlla perfectamente, pero o resto da escena é totalmente borroso.

Deste xeito os ollos están continuamente bailando e movéndose. Neste rastrexo permanente o encéfalo xunta e procesa a información mentres constrúe a sensación de que o que vemos é un continuo e está enfocado.

O noso encéfalo esta a seleccionar en cada intre a información visual á que prestamos atención, ao tempo que desbota a maior parte dos contidos que non considera relevantes. De aí que sexamos susceptibles á cegueira ao cambio que acontece cando algo cambia na escena visual e non o detectamos.

A experiencia do mapa e a cegueira ao cambio que fixemos en “Éche Asi” foi creada polo profesor de sicoloxía da Universidade de Ilinois Daniel Simons en 1998, que tamén foi o autor do famoso experimento do gorila. No experimento orixinal só un 50% dos suxeitos detectaron o cambio de persoa. Pode semellar que os cobaias non se dan conta do cambiazo por que non se fixaron no seu interlocutor. Pero os trackers aos ollos das “vítimas” realizados nestes experimentos indican que sí ollaron para cara do gancho. Ollaron pero non viron por que a súa atención estaba no mapa.

Para que unha cegueira ao cambio tan extrema como esta ocorra debe existir unha breve interrupción da nosa atención (neste caso o cadro que pasa). Outro xeito de inducir esta cegueira é con cambios graduais. Os erros de rácord nas películas que para a maioría dos espectadores pasan desapercibidos son un bo exemplo de cegueiras ao cambio. Está claro que entre ollar e ver hai moita mais diferenza da que coidamos.

Fontes:

Los engaños de la mente, S. Martínez Conde e Sthepen Macknik, Ed. Destino (2013).

Daniel J. Simons, Daniel T. Levin “Failure to detect changes to people during a real-world interaction”, Psychonomic Bulletin & Review, 1998, Volume 5, Issue 4, 644-649.

 

MANUEL VICENTE

Share