Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Eu vexo caras, e ti?

Eu vexo caras, e ti? 2

 

Un nefelibata é unha persoa que anda polas nubes. Pero, quen de nós nunca se deixou engaiolar mirando o ceo? A pouco tempo que dediquemos a tan relaxante ocupación experimentaremos a sensación de ollar caras nas nubes. E iso significa que o noso encéfalo está a funcionar como debe.

Evolutivamente estamos programados para identificar caras. E ademais, sempre é mellor pasarse – como acontece coas nubes nas pareidolias – ca quedarse corto. Especialmente se temos que identificar a un león ou a outro depredador que nos pode atacar nun entorno hostil.

Recoñecer caras tamén é unha habilidade social imprescindible. Oliver Sacks conta en “O home que confundiu a súa muller cun sombreiro” o caso de Dr. P., un paciente diagnosticado de prosopagnosia, que non é quen de recoñecer a cara da súa propia muller.

Recentemente un equipo de investigación chinés deu luz sobre o que acontece no noso encéfalo cando se xera unha pareidolia. Para iso escanearon o cerebro de voluntarios mentres lles inducían a crer que en imaxes de ruído aleatorio se ocultaban caras e letras. Un de cada tres participantes indicou ver as caras.

Neses casos observouse que aínda sen ver unha faciana real activase o módulo cerebral de recoñecemento de caras, a área fusiforme facial. Ademais, tamén intervén unha función de alto nivel que é cortiza prefrontal que “lle di” á área fusiforme como interpretar o que ve. Deste xeito se explica que nisto de ver caras onde non as hai ten moita influencia as nosas expectativas e experiencias previas. De aí que en occidente vexamos santos cristiáns nas humidades das paredes, pero non budas.

Outro experimento máis antigo achou que tendemos a ver patróns en imaxes totalmente aleatorias cando estamos mais estresados e perdemos o control. Así que relax e calma, cando amigo nefélibata de “Éche así”, decidas gozar dunha agradable observación de nubes.

Fontes:

Kang Leed et all. “Seeing Jesus in toast: Neural and behavioral correlates of face pareidoliaCortex. 2014; 53: 60–77.

Jennifer A. Whitson, Adam D. Galinsky ”Lacking Control Increases Illusory Pattern Perception” Science, 2008, Vol. 322 no. 5898 pp. 115-117

 

MANUEL VICENTE

Share