Loading...
Inicio / o LABORATORIO / Ver o son

Ver o son 3

 

O SON E OS FLUÍDOS NON NEWTONIANOS.

A nosa visión do mundo baséase nas nosas experiencias previas. Se deixamos caer un móbil, esperamos que vaia cara abaixo (tranquilos que o fará) e  consideramos probable que rompa a pantalla.

E este mecanismo mental, tan útil para poder predicir o que vai suceder en cada momento, lévanos tamén a sorprendernos enormemente cando algo escapa á lóxica derivada da nosa experiencia.

Os fluídos non newtonianos teñen unha peculiaridade moi rechamante. Non teñen unha viscosidade constante, senón que pode variar en función da temperatura e o que chamamos tensión de corte.

No noso experimento usamos fariña de maiz, que mesturada con auga na proporción adecuada ten esta propiedade. Se introduces o dedo suavemente no fluído, afúndese nel con total normalidade, tal como esperamos. Pero se o golpeas de forma brusca, é imposible mergullar o dedo. A máis rápido impactemos con el, máis resistencia opoñerá. O que está a suceder é que ao incrementar a tensión de corte, tamén aumenta a súa viscosidade, achegándose máis a un comportamento similar ao dun corpo sólido.

Non todos os fluídos non newtonianos compórtanse igual. As areas movedizas ao aplicar unha presión sobre elas vólvense menos viscosas, o que provoca que nos afundamos rapidamente nelas se nos movemos en exceso.

E que pasa se poñemos a nosa mestura de auga e maizena sobre un altofalante? Algo sorprendente e moi visual. En función do frecuencia do son, o comportamento do fluído vai variando, o que fai que vaia adoptando formas inesperadas derivadas da variación de viscosidade provocada pola vibración das partículas que o forman. O que facemos, dalgún modo, é unha sorte de “visualización” das frecuencias do son. Non ten excesivo valor científico, pero si unha gran beleza plásticas.

Se queredes probalo, dous consellos. Primeiro, tede en conta que son fariñas moi finas..e que ao final un embálase e acaba manchando de forma case inexplicable toda a súa vivenda (seino por experiencia) e segundo. Non esquezades protexer o altofalante ou serán os últimos sons que reproduza.

 

DAVID BALLESTEROS

Share