Loading...
Inicio / IMOS á ESCOLA / Que oímos?

Que oímos? 2

 

A proporción entre os lados do teu DNI é o número Φ (fi), un número con infinitos decimais ben coñecido polos matemáticos que vale 1,6180… E non é casualidade. Φ – o número áureo – está por todas as partes. Nas proporcións do Partenón ou no deseño dos violíns. E mesmo no interior das túas orellas.

Cando un son chega as túas orellas é amplificado no tímpano antes de chegar ao oído interno. Alí a cóclea encárgase de descompoñer o son en frecuencias que se converten en impulsos nerviosos. A cóclea ten forma de espiral, pero non de espiral calquera senón dunha espiral construída a partir do número áureo.

artigo_01_que oimos

A cóclea presenta no seu interior un líquido e a membrana basilar que está forrada por unhas 15.000 células ciliadas, que son os receptores sonoros. O grosor da membrana varía en cada zona de tal xeito que o exterior da cóclea vibra coas frecuencias agudas e o interior coas graves.

artigo_02_que oimos

A medida que imos tachando anos no calendario ás células ciliadas da entrada da cóclea vanse deteriorando. Isto supón que hai frecuencias agudas que se deixan de escoitar, a non ser que se eleve considerablemente a intensidade do son. Así por exemplo, a partir dos 40 de media anos empezan a ser inaudibles frecuencias superiores a 13 000 Hz cunha potencia de 60 dB.

Este efecto foi aproveitado por H. Stapleton, un espelido empresario que comercializou un repelente de adolescentes empregando frecuencias non audibles polos adultos. E para ter dobre beneficio, tamén explotou a idea contraria ao crear o ton de móbil “mosquito” so audible pola rapazada. Estes inventos mereceron un premio Ig-Nobel en 2006.

Na magnifica biblioteca do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova fixemos o noso experimento “Éche Así”. Sometemos a un varrido de frecuencias sonoras a alumnos e profesores. Deste xeito verificamos que cando se di que o ser humano escoita sons entre 20 e 20 000 Hz a realidade é que depende. Depende da data marcada nos nosos DNI. Si, os mesmos DNI do número Φ.

 

Mais info:

Víctor M. Eguiluz, “Acústica del Oído: Cóclea y Células Ciliadas” Investigación y Ciencia. xuño 2001.

Paul Vitello, “A ring tone meant to fall on deaf earsThe New York Times, 12 de xuño 2006

 

MANUEL VICENTE

Share