Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Ollos e lateralidade

Ollos e lateralidade 0

 

A visión en tres dimensións débese a que algúns animais temos VISIÓN BINOCULAR. Acontece cando dous ollos, situados a pequena distancia o un do outro miran ao mesmo obxecto dende ángulos lixeiramente distintos, obtendo como resultado dous imaxes moi parecidas, pero non iguais.

Estas dúas imaxes, planas, imprímense na retina. O cerebro combínaas e compón unha imaxe tridimensional. A este fenómeno chámaselle ESTEREOPSIS.

A visión en tres dimensións é moi eficaz para a percepción de distancias, e por iso, propia de animais cazadores, que necesitan precisión visual durante a carreira. A especie humana, que xa no depende da caza para sobrevivir, non necesita a visión binocular, pero, obviamente, mantemos rasgos propios dos nosos ancestros.

Hai especies que sacrifican a posibilidade da visión en tres dimensións. Os herbívoros, por exemplo, teñen os ollos situados aos lados da cara. Isto impide ver as formas en relevo, si, pero facilita a visión periférica, que para eles é moito máis útil, porque facilita moito a detección dun depredador.

Seguindo o criterio de que os bichos con ollos frontais cazan, poderíamos considerar que moitos personaxes de comic ou da ciencia ficción que nos parecen amigables, teñen características de depredadores. Poderiamos pensar en ET, os gremlins, os furbys… Morden.

 

DAVID RODRÍGUEZ