Loading...
Inicio / o LABORATORIO / A cama do Faquir

A cama do Faquir 0

 

Segundo a tradición, os faquires, ascetas que buscan a purificación espiritual a través da renuncia a todos os praceres físicos e materiais, chegan a controlar, por puro adestramento, aspectos fisiolóxicos como a calor, o frío, a deshidratación ou a dor. O fundamento consiste en que abandonar o físico achega a deus.

Sen querer entrar en comentarios sobre a capacidade que se poida ter para hidratar o organismo concentrándose, por poñer un exemplo, os faquires que coñecemos son aqueles que se gañan a vida grazas a capacidades ou habilidades pouco frecuentes, case sempre relacionadas co control da dor.

Hai casos documentados de persoas que se dedicaron a isto por defectos xenéticos relacionados coa transmisión de información en neuronas nociceptoras, encargadas de xerar a sensación de dor. De todos os xeitos, en xeral, o que fan e usar algúns trucos máis ou menos sorprendentes para dar a sensación de que poden anular mentalmente as respostas fisiolóxicas das que falaba.

Un deses trucos, moi coñecido, consiste en tumbarse tranquilamente nun colchón de cravos. Dos que eu teña visto, este sempre me pareceu o máis frouxo. Eu creo que o truco é moi obvio: se un déitase con habilidade, reparte o peso do corpo entre todos os cravos. Pola lei de acción-reacción, os cravos exercen unha forza igual e de sentido contrario á que reciben, presionando ao faquir, si, pero presionando pouco.

Claro, non é o mesmo deitarse nunha cama formada por douscentos cravos que sentar nun só. Se se fai isto último, a forza exercida polo cravo equivale ao peso de todo o corpo e o cravo afúndese ata o óso. Se hai moitos cravos, e faise ben, repártese esa forza. Tendo en conta que os faquires adoitan ser delgadiños, equivalería a uns cuantos gramos. E iso só fai cóxegas.

 

DAVID RODRÍGUEZ