Loading...
Inicio / IMOS á ESCOLA / A presión da mestra

A presión da mestra 3

 

Aínda que confeso que non estiven na India, desde neno teño na mente a imaxe dos fakires, tombados sobre a súa cama de cravos desafiando as leis da física?Ou non?. Profundemos un pouco no tema desde unha óptica científica.

O fakir, cando se tomba sobre a súa cama de cravos, reparte o seu peso sobre todos eles. Imaxinemos un fakir de 70kg de masa e unha cama con 10 cravos. Se facemos un cálculo rápido, e considerando unha repartición homoxénea do peso, cada cravo debería soportar 7kg. E pódovos garantir que o resultado sería un fakir furado en 10 puntos do seu corpo, porque se aplicamos esa presión sen dúbida atravesaremos o corpo.

Para poder facer de fakir necesitamos máis cravos -adelgazar non é unha opción-, de forma que repartamos máis a presión. Existen museos de ciencia nos que podes tombarche nunha cama de fakir con toda a garantía de non facerche dano..e teñen normalmente máis de mil cravos. Isto fai caer a presión por unidade de superficie de forma que non se note máis presión que se nos colocásemos sobre unha táboa de madeira.

Se aplicamos a mesma idea a romper un ladrillo sobre o peito dunha persoa, a clave é a mesma. Repartir ao máximo a presión da martelada colocando o ladrillo de forma que teña a maior superficie de contacto co corpo. Se colocamos unha táboa, aínda que pareza increible, a molestia é mínina.

E por unha vez, deixádeme facer como na tele e lembrar que non debemos repetir este tipo de experimentos na casa. Non penso soltar un sermón sobre os riscos. Prefiro deixarvos un vídeo coas posibles consecuencias…O devandito. Sentido común e moita Ciencia.

 

DAVID BALLESTEROS

Share