Loading...
Inicio / GALICIA inNOVA / Nitróxeno líquido

Nitróxeno líquido 2

 

Un despiste pode ocasionar un accidente nun laboratorio. Por exemplo deixar un recipiente sucio dentro dun baño de nitróxeno liquido. O nitróxeno líquido ferve a 196 ºC de tal xeito que no interior do frasco empeza a condensar osíxeno líquido que ten un punto de ebulición de – 183 ºC. O osíxeno líquido é moi reactivo e en contacto con refugallos orgánicos pode estourar. En “Éche así” utilizamos este procedemento para xerar osíxeno liquido, iso si empregando material perfectamente limpo.

artigo_01_nitroxeno

Ao tapar un recipiente con nitróxeno liquido cun globo pódese visibilizar de inmediato como ao se evaporar o nitróxeno aumenta espectacularmente de volume, aproximadamente unhas 700 veces. De aí que non se poda almacenar o nitróxeno líquido en recipientes selados.

Na carreira científica por licuar os gases da atmosfera e conseguir achegarse ao cero absoluto de temperatura (- 273,15 ºC) un dos nomes mais significativos foi o científico escocés James Dewar (1842-1923). Para almacenar os líquidos crioxénicos Dewar ideou tras 15 anos de investigación un recipiente de parede dobre con baleiro entre as caras externa e interna. Deste xeito evitaba as transferencias de calor por condución e convección. Para evitar perdas por radiación decidiu darlle un recubrimento prateado á cara interna. Con estes recipientes pódese manter durante un tempo razoable e sen refrixeración gases licuados como nitróxeno ou osíxeno liquido. As únicas perdas importantes ocorren pola boca do contedor. Estes frascos atópanse en infinidade de laboratorios e reciben o nome de frascos Dewar.

No que se despreocupou de todo o amigo Dewar foi no tema das patentes. En 1898 tivo que levar a produción a Alemaña ao non atopar sopradores de vidro o abondo habilidosos para fabricar a vasilla con dobre parede na súa terra. Alí o soprador Muller of Coburn decatouse de que o invento do escocés era ideal para manter quente toda a noite o leite do seu bebé, e pensou que ben podía ser comercializado para uso doméstico. Rexistrouno e creou unha exitosa empresa. O nome xa o coñeces porque na actualidade é unha denominación xenérica. Onde senón conservas quente o teu café ou a sopa da avoa que nun termo?

artigo_02_nitroxeno

Dewar coa súa creación

 

Fonte e para saber mais:

“Los reyes adiabáticos” de Claudi Mans Teixidó en SciLogs

Soulen, Robert “James Dewar, His Flask and Other Achievements”. Physics Today (1996) 49 (3): 32–37.

 

MANUEL VICENTE

Share