Loading...
Inicio / IMOS á ESCOLA / Supergustadores

Supergustadores 0

 

En 1931, o químico Arthur L. Fox traballaba na síntese da feniltiocarbamida (PTC). Accidentalmente un chisco de po de PTC liberouse ó aire. Ao colega de de Fox pareceulle terriblemente amargo o cheiro, pero el mesmo non notou nada. Probaron con outros compañeiros e descubriron que uns son gustadores e outros non gustadores da PTC. A PTC é o prototipo de substancia amarga, semellantes ás que podemos atopar no brócoli, nos grelos ou nas coles de Bruxelas.

Tendo en conta a sensibilidade ao amargo, a poboación divídese entre os supergustadores, que non o toleran (25%), gustadores intermedios, (simplemente o detectan, 50%) e non gustadores (non o detectan en absoluto).

Este é un trazo xenético e hereditario que existe en humanos e chimpancés. Agora sábese que o xen implicado na capacidade de detectar os sabores amargos en humanos é o TAS2R38 e que existe no noso linaxe desde hai polo menos medio millón de anos. Tamén había neardentais aos que non lle gustaban as coles de Bruxelas.

Os non gustadores teñen a desventaxa de que poden inxerir grandes cantidades de substancias amargas tóxicas a altas doses que poden afectar á glándula tiroides. Pola contra os supergustadores poden rexeitar alimentos sans como froitas e verduras. Ademáis, son moi sensibles ás sensacións na lingua producidas por alimentos picantes, o alcohol ou as bebidas carbonatadas.

Hai un rasgo fisiolóxico que delata a un supergustador: teñen máis papilas gustativas, especialmente na punta da lingua. Para revelalas non hai máis que chupar una piruleta. Ao cabo de un rato, as papilas, que non se tinxen de colorante como o resto da lingua, aparecen. Se o colorante é azul, faise moito máis evidente.

 

DAVID RODRÍGUEZ