Loading...
Inicio / o LABORATORIO / A culler de Urigeller

A culler de Urigeller 0

 

Fai corenta anos, nun programa de televisión chamado Directísimo, apareceu un individuo que dicía que tiña a capacidade de dobrar culleres coa mente. Estaba sentado á beira do presentador con ollos misteriosos, e diante de vinte millóns de persoas, (naqueles anos, a hora de máxima audiencia, só emitía unha canle), fíxoo. Dobrar a culler, non utilizar a mente, por suposto.

Fregou o pescozo da culler, foi dobrándose, e acabou rompéndose. Tamén dixo que podía arranxar reloxos estragados a distancia se os espectadores collían algún que non funcionase e concentrábanse con el.

Ao día seguinte, non había ninguén neste país que non coñecese a alguén que conseguise facer funcionar un reloxo estragado. E ninguén, ou moi poucos, cuestionaron a capacidade de reparar pezas rotas mentalmente, nin, desde logo, que na culler houbese truco.

artigo culler

É algo ao que tendemos. Cando nos atopamos con algo do que non coñecemos explicación (ás veces, ninguén a coñece), tendemos a atribuír ao fenómeno causas sobrenaturais, inalcanzables, supoño que porque é máis cómodo, porque non hai que darlle máis voltas, e máis divertido, porque é como vivir nunha película. Pero a realidade é que todo o que ocorre si ten unha explicación.

A culler non era normal. Hai metais cun punto de fusión tan baixo, (o do galio, por exemplo, non chega a 30º), que se se fregan, nuns segundos superan esa temperatura e fúndense. Este individuo non necesitou máis nada que pasear por varios programas de televisión unha culler feita dun metal non convencional, para convencer a millóns de persoas dos seus poderes mentais. Dunha forma tan consistente, ademais, que, a pesar das varias veces que se lle desenmascarou en público (está en todo en internet), segue gañándose a vida como mentalista.

Para moitos, felizmente cada vez menos, calquera fenómeno incomprensible ten un fundamento esotérico, ata que a Ciencia demostre o contrario. E debería ser ao revés, porque a Ciencia sempre acaba demostrando o contrario.

 

DAVID RODRÍGUEZ