Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Atención e medos

Atención e medos 2

 

Gústevos ou non oílo, somos fillos de covardes. Descendemos de homínidos non especialmente valentes. Os que viñan arriba e dicían “Deixádeme só que só son vinte” extinguíronse.Evolutivamente non ten ningunha vantaxe non coñecer o medo. Na actualidade distintos estudos apuntan a que os soldados que destacan polo seu heroísmo en combate poden ter certa incapacidade para detectar o perigo correctamente. Máis que valentía trátase dunha percepción errónea dos riscos das accións.

Aínda que non sexa un tema de conversación habitual nas familias, se vos fixades, educáronvos tentando que teñades medo a moitas cousas. Ao lume, aos estraños (dese encárganse os contos, sempre cheos de malvados), a certos animais, etc?.

Se un neno pequeno ve unha rata, achegarase a ela con curiosidade. Non a temerá de forma innata. Iso si, en canto os seus pais comecen a gritar que se á parte dese bicho, empezará a asociar ás ratas co perigo. Trátase dun condicionamento que queda gravado na nosa mente.

Ao sentir medo prodúcense importantes cambios fisiolóxicos no noso organismo. Aumentan a presión arterial e a glicosa en sangue. Increméntase a actividade cerebral e as pulsacións dispáranse. O corpo está a prepararse para actividade física. Ou o que é o mesmo, para loitar ou fuxir.

Por sorte, na nosa vida actual existen poucos perigos “reais” se nos atemos ás estatísticas. O máis probable é que teñamos unha vida plácida sen vivir situacións que realmente deban desencadearnos medo. Pero aínda así, ao longo da nosa vida iremos acumulando medos. Todos eles deberían ser útiles, como unha barreira de protección contra os perigos da contorna. O risco é caer nunha fobia, perder a perspectiva e converter nun acontecemento dramático algo que deberiamos poder controlar.

 

DAVID BALLESTEROS

 

Share