Loading...
Inicio / CIENCIA na RÚA / Caries e evolución

Caries e evolución 0

 

Convivimos con millóns de bacterias. En moitos casos, beneficiámonos desa convivencia, e noutros, non tanto. Na superficie dos dentes, fórmase unha película orgánica a partir de glucoproteínas da saliva, que protexe os dentes da descalcificación. O problema é que, ademais, é un bo substrato para as bacterias, que se adhiren en masa, formando o que chamamos placa dental. Estas bacterias non nos benefician en nada. Aliméntanse de restos de comida, liberando acedos que esnaquizan os tecidos do dente. Por iso insístese tanto na hixiene. Para non darlles para comer.

Sen bacterias non habería caries, pero inevitablemente, temos a boca infestada delas. Non hai máis que ver unha pinga de saliva ao microscopio para comprobalo.

Ou, no canto de usar un microscopio, podemos facelo cun láser. Se facemos pasar un feixe de luz a través dunha pinga, poderiamos obter unha imaxe moi amplificada do interior, proxectada a uns metros. O problema é que non serve calquera fonte de luz. A cantidade de luz dunha lanterna, por exemplo, que atravesase a pinga, é tan pequena, que non se vería nada.

Por iso usamos un láser. O feixe de luz que xera o láser é un feixe coherente, no que moita radiación concéntrase nun espazo moi pequeno. Por dicilo doutra forma, son ondas que non se dispersan. Mantéñense moi xuntas distancias moi longas.

artigo

Así que entra moita luz na pinga, que actúa como unha lente (é convexa nas dúas caras, de entrada e saída da luz) e amplifica a imaxe, máis grande canto máis lonxe estea a superficie na que se proxecta. E poderemos ver bacterias, protozoos ou motas de po. Calquera obstáculo que atope a luz proxectarase como unha sombra, por mor dun fenómeno chamado difracción.

Cando ocorre, as ondas luminosas rodean literalmente os bordos do obstáculo, xerando unha mancha central e círculos concéntricos, chamados frontes de onda, que aparecen ao interferir entre si por mor dese rodeo.

 

DAVID RODRÍGUEZ