Loading...
Inicio / PROBA na CASA / Na miña casa éche así

Na miña casa éche así 2

 

Consérvanse as burbullas do cava gardándoo na neveira e tapándoo cunha culler? Durmimos mellor orientándonos segundo o campo magnético da terra? Estes son mitos contemporáneos que non teñen base científica ningunha.

Non é complicado razoar o motivo polo que unha culler non pode reter os gases disoltos nunha bebida carbonatada. Experimentalmente o podemos probar na casa tapando a botella con diferentes obxectos e medindo a presenza de gas cunha cata cega. Quen fixeron este experimento dun xeito mais obxectivo foron os alumnos de 4º da ESO do IES Universidade Laboral de Ourense que construíron un manómetro caseiro para medir a presión das botellas tapadas con diferentes elementos. Con esta experiencia gañaron o X premio Luís Freire de investigación para escolares dos Museos Científicos Coruñeses. Obvia dicir que refutaron o mito.

Os humanos non temos capacidade para detectar campos magnéticos aínda que existen bacterias, paxaros e insectos que si posúen un sentido da magnetorrecepción. Polo de agora non se sabe moi ben como funciona. O que si sabemos é que os campos magnéticos febles como o terrestre non nos afectan en absoluto.

Temos que ter en conta que o noso corpo é dificilmente magnetizable ao estar constituído maioritariamente por auga. Dicimos dificilmente, porque en teoría pódese realizar cun campo magnético abondo potente. De feito, Andre Geim gañou un premio Ig Nobel en 2000 por facer levitar unha rá cun imán superconductor 250 000 veces mais potente que o campo magnético terrestre. Dez anos despois gañaría o nobel de verdade por descubir o grafeno.

O sentido de orientación dos paxaros é moi sensible. En 2104 publicouse en Nature un estudo que amosaba que o paporrubio ve perturbado o seu compás interno pola moi débil radiación difusa de electrodomésticos e ondas de AM que xeramos nas cidades. Pola contra non se ven afectados por ondas doutras frecuencias, como poden ser as de telefonía móbil ou as das liñas de alta tensión.

Afortunadamente estes paxaros son quen de orientarse tamén co sol e coas estelas e poden compensar o ruído radioeléctrico que emiten as cidades.

É curioso. Hai xente que di que debemos durmir conforme ao campo magnético terrestre ou que hai que apagar a wi-fi para descansar. Pero resulta que nunca se queixan da radiación das radios AM. Non da que pensar?

 

MANUEL VICENTE

Share