Loading...
Inicio / o LABORATORIO / O Galio

O Galio 0

 

“Como organización global encargada de achegar pericia científica e obxectividade, así como de desenvolver as ferramentas básicas para aplicar e comunicar o coñecemento químico en beneficio da humanidade, a IUPAC se enorgullece de facer este anuncio en relación cos elementos 113, 115, 117 e 118, e a terminación da sétima fila da táboa periódica dos elementos”.

Esta declaración do presidente da Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) ten pouco máis de dúas semanas. Acaban de dar a luz os tres elementos que faltaban para completar o período 7.

Coñécense 119 a día de hoxe, e un deles é o Galio. Descubriuse hai case 150 anos e é dos moi poucos metais líquidos a temperaturas inferiores a trinta graos. Tamén o son o Cesio, o Francio e o Mercurio. (Este último é un caso extremo, fúndese a 40 graos baixo cero). Son líquidos, porque a disposición dos electróns nos seus átomos fai que sexa difícil achegarse uns a outros e formar unha rede cristalina. Por iso, cada átomo flota libremente, sen ser atraído polos seus veciños, que é exactamente o que ocorre noutros líquidos.

O Galio utilízase na produción de semiconductores, en Medicina nuclear como elemento de seguimento para facer diagnósticos, ou formando parte de aliaxes metálicas con puntos de fusión baixos. E tamén é moi útil para tentar que alguén crea que se teñen poderes mentais: como ten un punto de fusión de 28,5º, se se frega, pasa dos vintepoucos graos que adoita haber a temperatura ambiente, á que está en estado sólido, á súa temperatura de fusión. E fúndese, claro. Véndense moldes de silicona para facer culleres e Galio en po. Queda poñer cara de tolo, e seguro que algún o cre.

 

DAVID RODRÍGUEZ