Loading...
Inicio / PROBA na CASA / A muller de vermello

A muller de vermello 3

 

Cando rodamos na rúa principal de Noia o experimento social de “A muller de vermello” quedamos impresionados do resultado. Iso a pesar que coñeciamos os estudos do psicólogo social da Universidade de Rochester Andrew J. Elliot que leva anos investigando sobre a “sicoloxía da cor”. En especial o chamado “efecto do vestido vermello” segundo o cal unha muller vestida de vermello semella mais atractiva para os varóns.

As investigacións determinan que o efecto existe: os homes senten máis atractivo cara as mulleres de vermello. Pero ollo, o vermello non inflúe na percepción da súa intelixencia, amabilidade ou destrezas.

Tal e como comprobamos na experiencia “Éche así,” para que o efecto funcione non é necesario un vestido, pode abondar cunha simple chaqueta. Máis aínda, fotos de mulleres con fondos vermellos deron resultados positivos. Para medir este efecto un dos experimentos consistiu en que os entrevistados debían de ollar a fotos de diferentes mulleres, para seguidamente decidir cantos cartos investirían con elas nunha primeira cita.

Unha hipótese suxestiva do efecto do vestido vermello é a da súa posible orixe evolutiva. A visión da maioría dos mamíferos é dicrómica, so presentan receptores de verde e azul. Pola contra certos primates (entre eles nós, os chimpancés, gorilas e orangutáns) podemos ver tamén os vermellos. Deste xeito podemos apreciar a coloración avermellada nas caras das femias en período fértil provocada pola dilatación das venas asociada á subida dos niveis de estróxenos.

Esta explicación é verosímil, pero semella moi complicado poder chegar a deseñar un experimento que a verifique ou refute.

Nos últimos anos teñen aparecido estudos que responden a preguntas clave sobre o efecto do vestido vermello que rapidamente nos veñen á mente.

Existe este efecto en outras culturas? É universal?

Para responder a esta pregunta os de Rochester estudaron en 2013 tribos illadas de Burkina Faso nas que o vermello é unha cor con connotacións negativas. Atoparon que alí o efecto tamén existe. Con estes resultados os investigadores apuntan a que este efecto é unha especie de linguaxe universal nos xogos do coqueteo humano.

Inflúe a idade das mulleres?

Unha investigación alemá en 2013 atopou que o efecto do vestido vermello funciona con mulleres novas, pero non aquelas que xa pasaron a menopausa.

É non será unha moda cultural tipo día de San Valentín?

Atopar unha contestación a esta pregunta implica dar cunha poboación non influenciada polos San Valentíns e demais modas culturais sobre as relacións románticas. A xente de Elliot atopou en 2014 unha comunidade totalmente inmune a estas influencias: os monos rhesus de Puerto Rico.

Experimentalmente amosáronlle aos “individuos” fotos de pousadeiras en branco e negro de macacos do xénero contrario envoltas cunha cenefa vermella ou azul. O que aconteceu foi que as femias tendían a mirar mais tempo aos cús con marco vermello, algo que non o facían coas imaxes de control. A conclusión é que a cor efectivamente afecta ao atractivo.

Como perciben as mulleres ás mulleres que van de vermello?

O mais recente estudo amosa que as mulleres se senten ameazadas polas mulleres de vermello. Nun dos experimentos deste artigo as voluntarias amosaron preferir presentarlles ás súas parellas a unha muller cunha camiseta verde antes ca mesma muller de vermello. As voluntarias interpretaron que as de vermello son menos fieis e mais promiscuas.

É que pasa cos homes? Ides facer un experimento “Éche así” con varóns?

Parece ser que cos homes tamén funciona, tanto cando levan algo vermello como cando están “enmarcados” en vermello. Logo dos resultados espectaculares que obtivemos no noso experimento “Éche así” en Noia agardamos ter a oportunidade de repetir a experiencia intercambiando roles

 

MANUEL VICENTE

Share