O proxecto ÉCHE así

Programa de divulgación científica
CIENCIA
HUMOR
ENTRETEMENTO
COÑECEMENTO

Divulgación científica en 26 minutos semanais dirixidos a un público familiar baixo un formato de entretemento co xogo e a curiosidade como eixos narrativos

Cada emisión achégase a aspectos da vida cotiá que lle permitirán ao espectador descubrir de forma divertida o funcionamento da súa vida diaria: desde a tecnoloxía que utiliza ata o seu propio corpo e emocións.

O programa emprega o humor como linguaxe nun diálogo continuado entre unha presentadora interesada en descubrir e un equipo de científicos que son quen de valerse de calquera elemento, individuo e circunstancia para explicar o funcionamento do mundo dun xeito espectacular e divertido.

Esta guía central compleméntase con pequenas seccións independentes, vinculadas ao tema central pero autoconcluíntes, que admiten a súa emisión independente por parte da cadea.

ÉCHE ASÍ é, visualmente, un programa de maxia onde os magos explican os seus trucos, argumentalmente unha comedia da que todos os espectadores se sinten cómplices, e no fondo é un espazo de aprendizaxe onde grandes e pequenos descubren como funciona o mundo que os rodea.